Bono social térmico
O Bono Social Térmico é un programa de axudas destinadas a paliar a pobreza enerxética en consumidores vulnerables. A súa finalidade é compensar os gastos necesarios para garantir a subministración de enerxía para calefacción, cociña ou auga quente ou para axudar no pago de actuacións de eficiencia enerxética, que permita o aforro.
Persoas beneficiarias
As persoas beneficiarias recibirán unha carta no seu domicilio para comunicarlles os importes que lle corresponden en concepto do Bono Social Térmico 2025.
É preciso sinalar que son beneficiarios do Bono Social do ano 2025, sen necesidade de realizar ningunha solicitude, as persoas que sexan xa beneficiarias do Bono social de electricidade, ao 31 de decembro de 2024. Por tanto, a relación de persoas beneficiarias do Bono Social Térmico son as mesmas que as do Bono Social Eléctrico ao 31 de decembro de 2024.
Como podo beneficiarme do Bono social de electricidade?
O Bono Social de electricidade é unha axuda do Goberno central, e para recibila é necesario presentar unha solicitude á súa comercializadora eléctrica. Para realizalo o máis cómodo é acudir aos servizos sociais de referencia, sexa ben no seu Concello ou no centro de saúde.
Contía da axuda
A contía da axuda que percibirá cada persoa beneficiaria determínase atendendo ao seu grao de vulnerabilidade, segundo defíneo a norma reguladora do bono social de electricidade, así como á zona climática en que se localice a vivenda na que se atope empadroado.
A contía para percibir en Galicia, en función da zona climática na que se resida e a súa condición de vulnerabilidade, para o bono social térmico do 2025 son as seguintes:
| ZONA CLIMÁTICA | AXUDA UNITARIA PARA CONSUMIDORES VULNERABLES (€/BENEFICIARIO) | AXUDA UNITARIA PARA CONSUMIDORES VULNERABLES SEVEROS (€/BENEFICIARIO) |
|---|---|---|
| C |
139,64 |
223,42 |
| D |
210,71 |
337,13 |
| E |
250,44 |
400,69 |
Compatibilidade con outras axudas
A axuda do Bono Social Térmico é compatible coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. Así mesmo, como é lóxico, é compatible coa percepción do Bono social eléctrico.
Tramitación
As persoas beneficiarias recibirán unha carta no seu domicilio para comunicarlles os importes que lle corresponden en concepto do Bono Social Térmico 2025.
Aínda que non é necesario, pode confirmar que os datos están ben a través da web https://bonosocialtermico.xunta.gal identificándose co seu Certificado dixital, DNI electrónico ou Chave365 e subindo a documentación correspondente.
Carta de renuncia ou actualización de datos
Pódese presentar un escrito de renuncia á percepción do bono ou actualizar os datos bancarios se así o desexan. Para ambos disporán dun prazo de 10 días para facelo.
Transcorrido o prazo de 10 días, entenderase que a axuda foi aceptada, e procederase a abonala na conta bancaria na que domiciliaron o seu recibo de electricidade, de acordo cos datos facilitados pola súa comercializadora, salvo que comunicara algún cambio da mesma.
- Actualización de datos: así mesmo, no caso de que os datos de que se dispoñen sexan incompletos ou incorrectos, requiriráselle para a presentación da documentación acreditativa.
Deberá ter en conta que para achegar ou actualizar os datos da conta corrente para facerlle o abono das axudas, é preciso achegar un certificado bancario da mesma na que vostede figure como titular. - Renuncia da axuda: as persoas beneficiarias poden renunciar ao bono social térmico.
Presentación da documentación
A persoa beneficiaria poderá comunicar a renuncia, consultar, corrixir e comunicar os datos pendentes a través dun dos seguintes medios:
- Accedendo ao formulario electrónico a través da seguinte ligazón:https://bonosocialtermico.xunta.gal, identificándose co seu Certificado dixital, DNI electrónico ou Chave365.
- Presentando escrito, segundo o modelo que se lle comunicou individualmente en calquera rexistro das administracións públicas ou oficina de Correos ou por correo postal, dirixido á:
Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas
Rúa Avelino Pousa Antelo, 5 (San Lázaro)
15781 Santiago de Compostela
xunta.gal
Así mesmo, poden descargar os modelos de comunicación de renuncia, achega de documentación ou actualización de datos bancarios nos enlaces seguintes abaixo en ADXUNTOS.
Información de contacto
Consellería de Economía e Industria
Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas
Teléfonos: 881 996 572
Correo electrónico: bonosocialtermico@xunta.gal
Normativa
Real decreto lei 15/2018, de 5 de outubro, de medidas urxentes para a transición enerxética e a protección dos consumidores (BOE nº: 242, do 6 de outubro).
STC 134/2020, do 23 de setembro de 2020, que declara a nulidade dalgúns preceptos legais que impoñen a modalidade e momento temporal de pago do bono social térmico.
Preguntas frecuentes
Como sei se son beneficiario/a do Bono social térmico?
Proximamente recibirás unha carta confirmando a túa condición de beneficiario así como a contía a percibir.
Como podo solicitar o Bono social térmico?
O Bono social térmico concédese directamente aos que xa sexan beneficiarios do Bono social de electricidade ao 31 de decembro de 2024.
Como solicito o Bono social de electricidade?
O Bono social de electricidade é unha axuda do Goberno central, e debe solicitala á súa comercializadora eléctrica. O máis cómodo é que acuda aos servizos sociais para que lle axude no trámite ou se dirixa á oficina da súa comercializadora.
Se todos os datos da carta están ben que teño que facer agora?
Se os datos que lle achegan na carta (nome do beneficiario, DNI e número de conta bancaria) están ben non ten que facer nada para cobrar a axuda. Farase directamente pasadas unhas semanas.
Aínda que non é necesario, pode confirmar que os datos están ben a través da web https://bonosocialtermico.xunta.gal identificándose co seu Certificado dixital, DNI electrónico ou Chave365 e subindo a documentación correspondente.
Cando se produce o ingreso do Bono social térmico?
De acordo con a normativa vixente, non existe un prazo determinado para o pago da axuda, que en todo caso realizarase dentro da anualidade correspondente. No 2026 comezarase a enviar as cartas informando de que es beneficiario proximamente. Unha vez váianse confirmando os datos de beneficiarios xa se irá abonando a axuda de maneira progresiva ás máis de 94.000 persoas beneficiarias.
Se é necesario, como modifico os datos que aparecen na carta?
No caso de que os datos de que se dispoñen sexan incompletos ou incorrectos, requiriráselle para a presentación da documentación acreditativa.
Deberá ter en conta que para achegar ou actualizar os datos da conta corrente para facerlle o abono da axuda, é preciso achegar un certificado bancario da mesma.
Para facelo debe de ir ao apartado de PRESENTACIÓN DA DOCUMENTACIÓN que hai nesta mesma páxina.
Que fago no caso de que se producira o falecemento da persoa beneficiaria?
No caso de falecemento da persoa beneficiaria poderá reclamar o abono da axuda quen acredite a condición de herdeiro/a ou renunciar a mesma. Para facelo debe de ir ao apartado de PRESENTACIÓN DA DOCUMENTACIÓN que hai nesta mesma páxina.
Se quere reclamar o abono da axuda, no caso de falecemento da persoa beneficiaria, deberá presentar un escrito acompañado da seguinte documentación:
- Certificado de defunción.
- Certificado de últimas vontades.
- Testamento ou documento que acredite a condición de herdeiro/a.
- No caso de existir máis dun herdeiro, escrito de aceptación asinado por todos eles en favor da persoa que reclama a axuda.
- Fotocopia do DNI da persoa que reclama a axuda.
- Certificado da conta bancaria a nome da persoa que reclama a axuda.
Se quere renunciar a axuda, no caso de falecemento, deberá presentar:
- Certificado de defunción.
- Testamento ou documento que acredite a condición de herdeiro/a.
- Escrito asinado por todas as persoas herdeiras no que manifestan a renuncia expresa á axuda
Se teño dúbidas onde podo ter máis información?
Se ten dúbidas pode poñerse en contacto preferiblemente no correo electrónico bonosocialtermico@xunta.gal ou, de maneira opcional, no 881 996 572.
Información sobre protección de datos persoais Os datos persoais necesarios para a xestión do Bono Social Térmico 2025 están a ser tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia – Consellería de Economía e Industria para a xestión do Bono Social Térmico 2025. A base lexitimadora do tratamento é o cumprimento dunha misión realizada en interese público fundamentada na Real Decreto-lei 15/2018, do 5 de outubro, de medidas urxentes para a transición enerxética e a protección dos consumidores. A información que poida derivarse da xestión da referida axuda será incorporada á historia social única electrónica das persoas afectadas conforme ao disposto no Decreto 89/2016, do 30 de xuño, polo que se regula a creación, o uso e o acceso á historia social única electrónica. Así mesmo, no caso de dúbida, o responsable do tratamento poderá verificar a exactitude dos datos persoais conforme ao disposto na lexislación vixente. Co fin de facilitar a xestión da axuda ás persoas beneficiarias, publicaranse a través desta páxina web o dato do seu DNI/NIE e a documentación que no seu caso deberían achegar, unicamente durante o prazo necesario para a referida finalidade. Na xestión da axuda poderán participar tamén entidades colaboradoras como prestadoras de servizos. A orixe dos datos persoais tratados, que incluirán datos identificativos, datos bancarios e datos relativos ás circunstancias sociais, é a correspondente entidade comercializadora de enerxía ou as propias persoas beneficiarias. As persoas interesadas poderán solicitar ante o responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento segundo especifícase en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Contacto co/a delegado/a de protección de datos e máis información en: https://www.xunta.gal/informacion-xeneral-proteccion-datos