POLO DE INNOVACIÓN EN ENERXÍAS MARIÑAS E ALMACENAMENTO ENERXÉTICO

Unha iniciativa pioneira

Galicia é un referente en enerxías renovables, conta cun dos principais recursos eólicos mariños de Europa e agora dá un paso máis no aproveitamento do seu potencial coa posta en marcha dunha plataforma experimental de eólica mariña, unha iniciativa estratéxica e pioneira en España.

Trátase dunha infraestrutura singular de ensaio, impulsada pola Xunta de Galicia, que permitirá o desenvolvemento tecnolóxico, a través do testeo de prototipos flotantes de eólica mariña, e da realización de estudos relacionados co medio mariño e a biodiversidade.

Este proxecto enmárcase no desenvolvemento do Polo de innovación en enerxías mariñas e almacenamento enerxético de Galicia e dá continuidade aos acordos alcanzados no Observatorio da Eólica Mariña de Galicia, instrumento posto en marcha pola Xunta de Galicia para identificar oportunidades e analizar o impacto que supoñería a instalación de parques eólicos mariños, da man do sector industrial, o marítimo-pesqueiro e as organizacións vinculadas. Ademais, está deseñado baixo a premisa do respecto e a compatibilidade co resto das actividades que xa se desenvolven no ámbito mariño, así como a preservación do ecosistema.