Contexto enerxético
O Pacto Verde europeo e o Plan de Recuperación para Europa van definir a economía europea durante os próximos anos. Nese contexto, a economía azul da Unión Europea resulta fundamental para alcanzar tanto os obxectivos económicos asociados como os ambientais e climáticos, dado que o océano é o principal regulador do clima que existe. Ademais, ofrece enerxía limpa e proporciónanos osíxeno, alimento e moitos outros recursos indispensables.
Por iso é polo que, para integrar plenamente a economía azul no Pacto Verde e a Estratexia de Recuperación, a Comisión Europea adoptou unha nova aproximación á economía azul sustentable, entre cuxos obxectivos principais están os seguintes:
- Contribuír a mitigar o cambio climático mediante o desenvolvemento das enerxías renovables mariñas, a descarbonización do transporte marítimo e os portos verdes.
- Facer a economía máis circular mediante a revisión das normas de deseño das artes de pesca, de reciclaxe de buques e de desmantelamento de plataformas mariñas.
- Desenvolver infraestruturas verdes en zonas costeiras que axuden a preservar a biodiversidade e a paisaxe, mentres benefician ao turismo e á economía da costa.
- O 7 de xullo de 2021 o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) sacou a información pública o borrador da Folla de Roteiro para o Desenvolvemento da Eólica Mariña e das Enerxías do Mar en España, que pretende:
- Converter a España na referencia europea para o desenvolvemento tecnolóxico e o I+D das enerxías renovables na contorna mariña, especialmente a eólica flotante.
- Reforzar o liderado industrial español na cadea de valor destas enerxías, aproveitando as sinerxias con sectores punteiros.
- Alcanzar ata 3 GW de eólica flotante en 2030, un 40% da meta europea de dispoñer de 7 GW ao final da década.
- Habilitar polo menos 200 millóns de euros para I+D de 2021 a 2023 para reforzar as plataformas de ensaio existentes e ofrecer os mellores e máis rápidos bancos de proba de novas tecnoloxías
Ademais, espérase que garanta un despregamento ordenado das instalacións nas augas territoriais que sexa respectuoso co medio ambiente e compatible con outros usos e actividades, aproveitando a súa implantación para mellorar o coñecemento do medio mariño.
Neste contexto, Galicia pode representar un papel importante no ámbito da enerxía eólica mariña, xa que dispón do potencial para estender a súa experiencia no campo das enerxías renovables e do sector marítimo á área das enerxías oceánicas.