Iniciativa estratéxica en seguridade, defensa e aeroespazo 2025-2030

A Iniciativa Estratéxica nace coa ambición de aproveitar as oportunidades que o novo contexto ofrece ás entidades galegas, xerando oportunidades profesionais tanto presentes como futuras para a mocidade galega, e convertendo estes sectores nunha panca crave para o crecemento económico e a mellora das condicións de vida na rexión.

Iniciativa estratéxica en seguridade, defensa e aeroespazo

A Iniciativa Estratéxica nace coa ambición de aproveitar as oportunidades que o novo contexto ofrece ás entidades galegas, xerando oportunidades profesionais tanto presentes como futuras para a mocidade galega, e convertendo estes sectores nunha panca crave para o crecemento económico e a mellora das condicións de vida na rexión. Neste marco, a Consellería de Economía e Industria, en colaboración co ecosistema galego do sector e expertos na materia, elaborou a Estratexia 2025-2030. Esta estratexia identifica obxectivos, programas de investimento e actuacións concretas que serán impulsados pola Xunta de Galicia, co fin de que a comunidade continúe liderando as políticas de apoio a este sector en España. Os obxectivos para o próximos cinco anos son: 

  • Impulsar o crecemento das empresas que forman parte do ecosistema galego de aeroespacio, seguridade e defensa.
  • Fomentar a diversificación das empresas, para que poidan ofrecer os seus produtos e servizos nos sectores aeroespacial, de seguridade e de defensa. 
  • Materializar novos investimentos industriais e promover a transformación sectorial que facilite a entrada de novas empresas no sector.
  • Reforzar as capacidades produtivas territoriais de Galicia neste ámbito, incluíndo o acceso ao capital, as infraestruturas e a dispoñibilidade de persoal cualificado. 
  • Liderar as novas políticas industriais a nivel nacional, consolidando o posicionamento da Xunta de Galicia como un goberno emprendedor e exemplar no impulso da colaboración público-privada. 

Documentos

Diálogo estratéxico

Co obxectivo de coñecer as necesidades concretas a curto, medio e longo prazo das empresas que forman o ecosistema rexional, para aliñar os instrumentos de investimento da Iniciativa coas necesidades do ecosistema, exponse o desenvolvemento dun diálogo estratéxico coa industria.

É un Instrumento innovador, pioneiro en España, para impulsar o desenvolvemento industrial desde o Goberno rexional, escoitando os plans de investimento e necesidades de apoio por parte da industria e tendo en conta a súa visión na execución da iniciativa estratéxica. 

Os obxectivos do diálogo estratéxico son:

  • Establecer unha canle de comunicación formal e a longo prazo cos actores da industria con capacidade real de investimento en Galicia
  • Coñecer de primeira man os investimentos futuros destes actores, así como as súas necesidades de apoio por parte do Goberno rexional
  • Validar coas empresas o seu interese nos instrumentos identificados no plan estratéxico para cada actor da industria, así como a súa pertinencia para mobilizar os investimentos en Galicia 

Participación

Para participar no diálogo estratéxico é necesario remitir os datos incluídos no seguinte cuestionario e calquera outra información adicional antes do 22 de setembro de 2025 ao correo ieasd.industria@xunta.gal

Próximos pasos

Os seguintes pasos do diálogo estratéxico son:

  • Recepción dos cuestionarios
  • Asignación das empresas participantes ás diferentes dinámicas (entrevistas mediante reunións bilaterais, grupos de traballo e mesas sectoriais)
  • Conclusións do diálogo que se recollerán mediante documentos e informes

Axudas e subvencións

IN519G Axudas ao posicionamento das empresas galegas como subministradoras en materia de seguridade e defensa

Esta axuda ten por obxecto apoiar a implementación de accións de posicionamento das empresas galegas nos ámbitos da defensa e a seguridade mediante accións de obtención de certificacións específicas, inscrición no Rexistro de Empresas da Dirección Xeral de Armamento e Material (DGAM), homologación de sistemas e produtos, obtención de autorizacións de seguridade e elaboración de propostas de proxectos para participar en convocatorias nacionais ou europeas co obxectivo de preparar ás empresas galegas no seu avance ou diversificación ata converterse en entidades capaces de fornecer bens ou servizos nos ámbitos da defensa e a seguridade.

Guías

Guía de certificacións de seguridade, defensa e aeroespazo 2026

A presente guía elaborouse dentro do marco da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo 2025 – 2030 e está concibida como un documento de referencia para empresas xa integradas nos ámbitos de seguridade, defensa e aeroespazo, así como para aquelas organizacións que aspiran a incorporarse nestes.

A súa lectura permite comprender de forma clara e estruturada o papel que desempeñan as certificacións nos distintos elos da cadea de valor e como estas condicionan o acceso a proxectos, programas industriais e mercados específicos.

O documento pódese consultar de maneira flexible, sen necesidade de seguir unha orde secuencial. Cada certificación preséntase mediante un formato homoxéneo que facilita identificar o seu alcance, os requisitos principais e a súa relación con outros estándares.

Pode acceder tamén aquí ao seu resumo executivo.