Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (Eccom)

Compartir

As Eccom desenvolven actuacións de certificación, verificación, inspección e control da conformidade de instalacións, establecementos e actividades coa normativa aplicable no ámbito municipal.

 

O Decreto 144/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos, regula o réxime xurídico das entidades de certificación de conformidade municipal (Eccom), en execución da habilitación normativa contida na disposición derradeira sexta da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Son entidades de certificación de conformidade municipal as entidades dotadas de personalidade xurídica e plena capacidade de obrar que, logo de cumpriren os requisitos establecidos no regulamento citado anteriormente, desenvolven actuacións de certificación, verificación, inspección e control da conformidade de instalacións, establecementos e actividades coa normativa aplicable no ámbito municipal.

As entidades de certificación de conformidade municipal deben desenvolver as seguintes funcións:

  • Certificación da conformidade coa normativa aplicable no ámbito municipal das instalacións, establecementos, actividades e obras destinadas a unha actividade económica que vaian ser obxecto de comunicación previa ou de solicitude de licenza ante a Administración municipal.
  • Colaboración no exercicio das competencias de comprobación e inspección de instalacións, establecementos, actividades e obras destinadas a unha actividade económica.
  • Control periódico da conformidade das instalacións, establecementos, actividades e edificacións ou construcións destinadas a unha actividade económica coa normativa aplicable no ámbito municipal.

Créase o Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia, que terá carácter público, e no que serán inscritas de oficio as entidades de certificación de conformidade municipal que presenten comunicación previa ao inicio da súa actividade perante a consellería competente en materia de seguridade industrial.