Novas figuras de ordenación do solo empresarial

Compartir

ZIR: ZONAS INDUSTRIAIS RURAIS

As ZIR (Zonas Industriais Rurais) son unhas das novas figuras de ordenación de solo empresarial que impulsa a Consellería de Economía e Industria a partir de xaneiro do ano 2025 para impulsar e axilizar a tramitación de proxectos empresariais no rural galego.

Esta figura permitirá que os concellos galegos de menos de 20.000 habitantes poidan implantar, fóra do seu núcleo, zonas de ata cinco hectáreas onde se poidan asentar actividades empresariais de menor envergadura sen precisar a presenza dun Proxecto Industrial Estratéxico (PIE). 

Deste xeito, as ZIR, ademais de axilizar os prazos para a implantación de proxectos empresariais, favorecerán a actividade económica e contribuirán na loita contra o despoboamento no rural galego.

ZAPES: ZONAS DE ACELERACIÓN DE PROXECTOS EMPRESARIAIS

As ZAPES (Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo) son unhas das novas figuras de ordenación de solo empresarial que impulsa a Consellería de Economía e Industria a partir de xaneiro do ano 2025 para impulsar o crecemento económico galego.

Esta figura permitirá realizar de xeito simultáneo, e polo tanto máis áxil, a tramitación urbanística e a dos proxectos empresariais naqueles casos nos que o ámbito territorial vaia incluír un proxecto industrial estratéxico (PIE). Ademais, aqueles nos que exista un remanente de solo empresarial para futuras ampliacións e novas industrias tamén poderán solicitar esta figura.

A través dos ZAPES, a implantación das industrias beneficiarase dun importante aforro de prazos, de xeito que o tempo medio para que as empresas comecen a súa construción podería reducirse de dez anos a tan só un ano e medio.

Tema/s: Industria