A Axencia Galega de Innovación apoia e participa en distintas iniciativas e programas para a estimulación e consolidación de novos proxectos empresariais innovadores baseados no coñecemento e de vangarda tecnolóxica, actuacións enmarcadas nos obxectivos do Programa de Emprendemento Innovador da estratexia de especialización intelixente RIS3.
Mediante a creación de sinerxías con outras iniciativas de aceleradoras en Galicia, a articulación dunha rede de contactos, networking entre emprendedores e o acceso a servizos de mentoring especializado, entre outros, preténdese contribuír ao fortalecemento e consolidación de Startups de base tecnolóxica localizadas en Galicia.
Deste xeito, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) pon en marcha e colabora en actividades, programas e infraestruturas para promover a aceleración da innovación.
GAIN promove tamén instrumentos de apoio específicos para a aceleración de proxectos de emprendemento innovador, propios da dinámica empresarial actual que complementan o tradicional formato de subvención.
Entre estes, o Fondo Tecnolóxico I2C, xestionado conxuntamente con XesGalicia (Sociedade de Capital Risco), achega un marco estable de financiamento para o despregue e a consolidación de investimentos acompañados pola iniciativa privada, de forma que o sector público pase a ser o catalizador.
Outro fondo de capital risco que se promove é o Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras. A través do Igape, XesGalicia e GAIN activouse este novo instrumento para facilitar a creación e consolidación de novos proxectos empresariais.
Correo-e: gain@xunta.es