A Xunta impulsa a captación de investimentos estranxeiros con 2 millóns de euros para atraer novos proxectos e para a creación dunha comisión que avaliará potenciais investidores.
O Goberno galego ten na internacionalización do tecido empresarial un dos piares básicos para mellorar a súa competitividade e impulsar o crecemento económico. Neste contexto, o Consello da Xunta coñeceu a convocatoria dunha novidosa orde que destinará case 2 millóns de euros á captación de investimentos estranxeiros co obxectivo tanto de atraer empresas que desexen apostar por Galicia, como de impulsar iniciativas de compañías xa establecidas na Comunidade e que poidan realizar novos investimentos. Unha actuación que se complementará e reforzará, neste mesmo eido, coa creación dunha Comisión Internacional de Investimento para estudar e avaliar potenciais investidores.
Neste sentido, a través dun concurso público, a Xunta seleccionará tres empresas especializadas coas que colaborará de cara a a achegar a Galicia potenciais iniciativas en sectores prioritarios da economía galega, dun lado, e para potenciar a imaxe da Comunidade no exterior, doutro.
Para o seu desenvolvemento, establécense tres grupos de actuación centrados en sectores de especial interese para o tecido empresarial, como son o industrial e manufactureiro, que abrangue a automoción, o naval e a aeronáutica, entre outros; o sector terciario, coa biotecnoloxía, as TIC e a saúde; e o sector primario, que inclúe a industria agroalimentaria, a madeireira e a de transporte e loxística.
Deste xeito, aspírase a dinamizar a actividade económica, facilitando o peche de ciclos produtivos en Galicia, e impulsando a creación de emprego de calidade. Para a adxudicación, terase en conta tanto o prezo como a metodoloxía e grao de servizo ofertado, así como as melloras propostas.
Esta actuación supón un paso máis no desenvolvemento da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 que, encadrada no marco da Axenda da Competitividade Galicia Industria – 4.0, ten na captación de investimentos unha das súas liñas prioritarias de actuación.
A través desta Estratexia, o Goberno galego non só aspira a manter o crecemento das exportacións galegas, senón que busca facer de Galicia un foco de atracción de investimentos especializado en sectores e países concretos. Non en van, entre os principais obxectivos do plan atópase o de incrementar nun 25% o investimento estranxeiro en Galicia, para o que se porán en marcha distintas liñas, como a convocatoria coñecida hoxe, encamiñadas a apoiar proxectos de internacionalización tanto a través de instrumentos financeiros propios e alleos, como da colaboración coa Rede Galega de Business Angels.
Comisión Internacional de Investimento
A este obxectivo responde a creación da Comisión Internacional de Investimento que, no marco da nova orden, pretende integrar e avaliar toda a información relativa a posibles inversores estranxeiros na Comunidade. A súa constitución permitirá actuar de forma coordinada e cun mesmo criterio ante estes potenciais investidores, para o que se integrarán nunha única xanela os trámites e xestións a realizar ante a administración.
O órgano estará composto por representantes daquelas áreas do Goberno galego con interese no ámbito internacional, que se reunirán con carácter periódico, en función dos tempos marcados polos resultados e as necesidades do propio programa de captación de investimentos estranxeiros.
Teléfono: 900 815 151
Correo-e: informa@igape.es